A competición preminibasket, novo obxectivo para “O Baloncesto Educa”

Salto de categoría para “O Baloncesto Educa”. Esta iniciativa da FGB, que busca fomentar valores positivos e educar en igualdade a través da práctica do Baloncesto, dá un paso adiante e pasa a aplicarse a toda a competición PREMINIBASKET a nivel autonómico.

Tras a súa estrea na pasada temporada, na que participaron unicamente oito clubs de toda Galicia, A Federación Galega Baloncesto decide ampliar o obxectivo deste programa didáctico a todo o baloncesto preminibasket, convidando a participar ao conxunto dos clubs galegos desta categoría, así como as familias dos seus xogadores e xogadoras e ao colectivo arbitral.

O proxecto

A través de “O Baloncesto Educa” o Preminibasket galego pasarán a ser parte dun traballo de formación, concienciación e avaliación que comezará o vindeiro mes de novembro, e para o que, en primeira instancia, os adestradores dos clubs, familiares de deportistas e colexiados recibirán unha formación precisa a través de diversas reunións.


Tras esta primeira fase, e sempre liderados por persoal responsable designado pola Federación Galega, entre todos analizaranse comportamentos, reaccións e decisións tomadas durante os partidos na competición premini. Este proceso validarase posteriormente en forma de puntos que se irán acumulando nun casilleiro particular para cada equipo como mostra do seu progreso. A través desta metodoloxía, “O Baloncesto Educa” buscará premiar e recoñecer os comportamentos respectuosos e óptimos que deben rexer no Baloncesto galego de base.

IMG 20191025 173429 950 1


A etapa inicial do proxecto xa está en marcha e a pleno rendemento. A primeira das reunión con adestradores, celebrada este xoves cos clubs premini da Delegación Coruñesa, abre a rolda de encontros formativos que, posteriormente, se estenderán a outras zonais, así como a familiares e árbitros CGAB. Nas redes sociais de “O Baloncesto Educa” iranse detallando estas xuntanzas, así como os avances e a próxima estrea definitiva do proxecto na competición.

Instagram: @obaloncestoeduca

Facebook: @obaloncestoeduca