A Federación Galega de Baloncesto suspende todas as competicións ata o 25 de marzo

A FGB apraza tamén, ata novo aviso de data para cada unha delas, todas as actividades formativase de tecnificación programadas, así como o proxecto “O Baloncesto Educa”

En relación ao actual escenario de emerxencia sanitaria, e a súa total intención de contribuír ás necesarias medidas de prevención e contención ante o Coronavirus COVID-19, a Federación Galega de Baloncesto comunica a suspensión da totalidade das súas competicións, tanto de ámbito autonómico como zonal e independentemente da categoría. Esta decisión pasa a ser efectiva dende este mércores, 11 de marzo; e ata o vindeiro 25 de marzo, nun inicio.

Por suposto, esta medida implica ao noso programa “O Baloncesto Educa” que parará a súa actividade nos mesmos prazos indicados. Nesta liña, manteremos aos clubs participantes no proxecto informados en todo momento e, por suposto, reiteramos a mensaxe emitida pola Federación na tarde do mércores:

“Neste momento de cooperación mutua, a FGB quere agradecer a comprensión e colaboración de todos os activos e axentes do Baloncesto Galego respecto a esta decisión. Non desexamos contribuír de ningún xeito a xerar preocupación ou alarma, pero consideramos que esta medida, que nos afecta e implica a todos, trátase de algo imperiosamente necesario nestes intres.

A Federación Galega de Baloncesto permanecerá en contacto directo coas pertinentes autoridades da nosa Comunidade para manter informados a todos os clubs, colectivo arbitral, federados e afeccionados, sobre posibles novas medidas ou accións a levar a cabo”